A Opinión da Coruña (redacción / A Coruña  02.10.2017)

A oficina técnica da seca –que constitúen diversos organismos da Xunta– acordou este luns recomendar a declaración da alerta por seca en seis zonas da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, que fará efectiva Augas de Galicia en próximas horas.

Os seis sistemas afectados son os que afectan a: os ríos Verdugo, Lagares e Baíña; ríos de Oia e O Rosal, que verten á costa atlántica; río Castro; río Xallas e Cee; río Mero (Presa de Cecebre) e outros que desembocan na ría da Coruña; así como os ríos Mendo e Mandeo e os que desembocan á ría de Betanzos.

En rolda de prensa, o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, informou de que estas seis zonas son “as que levan máis meses afastadas da normalidade” e “presentan un déficit de caudal todas elas por baixo do 50%”. Con todo, deixa claro que o uso prioritario de abastecemento da poboación “segue garantido” e “non terá ningún efecto inmediato sobre a cidadanía”.