Veciños da comarca poderán recibir auga turbia nas súas casas durante toda esta semana. A Empresa Municipal de Augas da Coruña ( Emalcsa) advertiu onte de que os episodios de  turbidez poden estenderse ata o domingo como consecuencia da rotura dunha tubaxe xeral na tarde do martes en  Rutis, que deixou sen auga por centos de vivendas en Culleredo, Cambre, Oleiros e A Coruña, e aos traballos que se realizaron para a súa reparación e para a reposición do servizo de auga.

O abastecemento de auga quedou reposto por completo na tarede de onte. A maior parte das vivendas xa recuperaran o servizo á primeira hora da noite do martes, pero non todas. Na mañá de onte, rexistráronse problemas de presión, varias zonas continuaban sen subministración e moitas outras recibían auga moi turbia.

A rotura, que se produciu no cruzamento da avenida de  Rutis coa avenida de  Ribados, obrigou a asolagar toda a zona afectada, selar a tubaxe e cubrila despois de formigón. Trinta efectivos de  Emalcsa traballaron toda a noite para reparar a avaría. Ademais, o  Concello de Culleredo acordou na tarde do mércores unha solución provisional para devolver o abastecemento a parte das zonas afectadas e realizouse un  bypass para evitar a zona danada que obrigou a paralizar a planta de tratamento de auga potable da  Telva, o que contribuíu a aumentar a  turbidez. A rotura produciuse de modo “accidental” nunha tubaxe antiga, na zona en que  Emalcsa realiza traballos de renovación da rede.